Máis da metade dos ingresos obtidos coas películas de maior recadación de Hollywood na última década derívase das versións traducidas (subtituladas ou dobradas) ou accesibles (con subtítulos para persoas xordas ou audiodescrición para persoas cegas) desas películas. Porén, só se dedica entre un 0,1 e un 1 % do orzamento á tradución e accesibilidade. Relegadas á fase de distribución, como unha consideración de última hora no proceso cinematográfico, as tradutoras e tradutores traballan baixo presión de tempo, por unha baixa remuneración e sen acceso ao equipo que toma as decisións cinematográficas creativas. Como consecuencia, cineastas de sona como Ken Loach denuncian que este modelo leva a alteracións na súa visión da película e que, o que é máis preocupante, non se é consciente disto.

 

A produción cinematográfica accesible (accessible filmmaking, AFM) busca integrar a tradución audiovisual (TAV) e a accesibilidade no proceso cinematográfico, o cal precisa dunha colaboración entre o tradutor ou tradutora e o equipo creativo da película. Explicado doutro xeito, é a consideración da tradución e/ou accesibilidade durante a produción do material audiovisual (polo xeral, mediante a colaboración entre o equipo creativo e tradutora/tradutor), para garantir o acceso ao contido a persoas que non poden, de xeito completo ou parcial, acceder ao produto audiovisual na súa forma orixinal. Este enfoque non pretende limitar a visión ou liberade da persoa cineasta. Pola contra, ofrécelles diferentes opcións para que poidan tomar decisións que determinen a natureza destas versións traducidas/accesibles e axúdalles a ver as súas propias películas a través doutros ollos.

A produción cinematográfica accesible non é custosa en tempo nin economicamente, senón que é lóxica dende un punto de vista financeiro, pois axuda a chegar a unha audiencia máis grande e diversa. Tamén ofrece mellores condicións de traballo para profesionais da tradución e persoas expertas en accesibilidade aos medios, xa que se considera a súa remuneración no orzamento principal da película e, por vez primeira, teñen a oportunidade de formar parte dun equipo co que consultar e compartir decisións. Non obstante, sobre todo, a cinematografía accesible é de sentido común. Así como é esperable que se inclúa un aseo para persoas con discapacidade no deseño inicial dun edificio, en lugar de introducilo ao remate da construción, chegará o momento en que cineastas, por defecto, fagan cine pensando non só na audiencia orixinal, mais tamén no público das versións traducidas e accesibles; un momento no que a cinematografía accesible sexa a norma, en vez dunha práctica pouco convencional, e o caso que aquí presentamos sexa redundante.

En GALMA traballamos na investigación, formación e práctica profesional da produción cinematográfica accesible, o cal inclúe proxectos, publicacións, obradoiros, cursos e a realización de versións traducidas e accesibles seguindo este modelo.


Universidade de VigoXunta de GaliciaMinisterio de EconomíaEuropean Union

Universidade de Vigo Facultade de Filoloxía e Tradución | Despacho Newton 5 | Campus de Vigo As Lagoas | Ctra. de Marcosende | 36310 Vigo (España)
Back to top
gtag('config', 'UA-122084657-2');