Zoe Moores é estudante de doutoramento na University of Roehampton, onde investiga como se poden empregar os subtítulos en directo creados a través de refalado para aumentar o acceso a eventos para unha audiencia xorda ou con discapacidade auditiva e para outros grupos de audiencia que tamén se beneficiarían deste servizo, por exemplo: falantes de inglés como lingua estranxeira.
Da área de linguas e lingüística, posúe o título en Classics and Modern Languages (Linguas Clásicas e Modernas, francés e latín) pola University of Oxford e un mestrado en lingüística, Linguistics, pola University of Manchester. Tras traballar durante moitos anos como profesora no Reino Unido e Xapón, agradoulle descubrir que a accesibilidade aos medios lle ofrecía a oportunidade de desenvolver a súa paixón polas linguas dunha maneira moi práctica, xunto ao seu interese pola comunicación efectiva, a igualdade e a defensa. Realizou o mestrado en Audiovisual Translation (Tradución Audiovisual) na University of Roehampton e logo traballou como subtituladora para accesibilidade na empresa de radiofusión e medios Red Bee Media, Ericsson, antes de comezar os seus estudos de doutoramento.
Zoe segue a subtitular e refalar como autónoma e ensina na carreira de Modern Languages (Linguas Modernas, francés) e no mestrado en Media Accessibility (Accesibilidade aos Medios) en Roehampton; participa en numerosos proxectos relacionados coa accesibilidade e deseñou un programa de formación en refalado para eventos en directo (Respeaking at Live Events). Tamén forma parte do equipo editorial da revista JoSTrans (The Journal of Specialised Translation).
- Moores, Z. and McIntyre, D. (2018) ‘Intersections between language, linguistics, subtitling and translation: a conversation between Dan McIntyre and Zoe Moores’, Journal of Specialised Translation 29.