Equipo

Tanja Jacobs, estudante de doutoramento da Universidade de Vigo, investiga sobre as condicións laborais de intérpretes de lingua de signos na televisión en España. É filóloga en inglés e español pola Friedrich-Alexander-Universität Erlangen-Nürnberg e posúe un mestrado en Translation Studies (Estudos de Tradución) pola University of Edinburgh e un mestrado en British Sign Language – Interpreting, Translation and Applied Language Studies (Lingua de Signos Británica – Estudos de Interpretación, Tradución e Lingüística Aplicada) pola Heriot-Watt University. A súa formación como intérprete de lingua de signos e experiencia práctica como directora de teatro motivou o seu interese nas circunstancias baixo as que traballan profesionais da interpretación e arte. Analizando o labor dos e das intérpretes, observou o pouco control que teñen sobre as súas condicións laborais e, ao traballar no teatro, viviu o difícil que pode resultar conseguir os materiais e financiamento necesarios para representacións diversas. Os seus traballos de fin de mestrado sobre a ideoloxía en subtítulos interlingüísticos, por unha banda, e sobre a folga de intérpretes de lingua de signos na canle de televisión rexional Canal Sur, por outra, constitúen a base da súa presente investigación doutoral. Ser membro de GALMA ofreceulle a oportunidade non só de investigar a interpretación en lingua de signos dende a perspectiva dos estudos en Tradución e Interpretación, senón tamén de explorala no contexto da accesibilidade aos medios. Os intereses de investigación de Tanja tamén inclúen a ideoloxía na interpretación, intérpretes con discapacidade auditiva, teorías da cultura xorda e avaliación da calidade en interpretación.

Universidade de VigoXunta de GaliciaMinisterio de EconomíaEuropean Union

Universidade de Vigo Facultade de Filoloxía e Tradución | Despacho Newton 5 | Campus de Vigo As Lagoas | Ctra. de Marcosende | 36310 Vigo (España)
Back to top